OBRADOIROS DE ROSALÍA 2022

 


 A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) propón desde 2010 á cidadanía que no Día de Rosalía que se celebra o 23 de febreiro, se agasalle cun libro en galego e unha flor ás amizades e persoas queridas, por iso, dende a Biblioteca Escolar do CEIP de Atín-Cela, poñemos en marcha dende o 21 ao 24 de febreiro uns talleres para aprender a facer flores de origami, coas que agasallaremos aos nosos seres queridos, ademais de facer unha exposición cunha escolma de libros en lingua galega, co fin de promover o seu empréstito entre o alumnado.

Os obradoiros "Flores para Rosalía" foron impartidos por Fabiola que cursa 6º de EP, e acordes co noso proxecto Refugallo Cero no CEIP de Atín, a maioría das flores están feitas con follas dos libros de expurgo da biblioteca escolar. 

"Rosalía no corazón" é outro dos obradoiros levado a cabo do 21 ao 24 de febreiro nesta ocasión impartido por Carla J. de 6º de EP, no que ensinou aos seus compañeiros a realizar sobres de cartas con forma de corazón que decoraron con versos de Rosalía.

E aquí están os seus fermosos sobres, feitos con libros de refugallo da biblioteca escolar, xa sabedes, ZERO WASTE!


Sobres que forman parte do mural que xa decora a entrada do noso colexio.

Outro dos proxectos que levamos a cabo no noso colexio é "Cosendo polo futuro", por iso as letras que decoran o mural están feitas con retallos de tea reutilizados, intentando reducir os residuos téxtiles.

É preciso rematar esta entrada cuns versos da nosa escritora máis universal...

"Mais ó que ben quixo un día,
si a querer ten afición,
sempre lle queda unha mágoa
dentro do seu corasón"

Rosalía de Castro

Comentarios

  1. Que fermoso traballo!!!. Parabéns a Fabiola e Carla así como ao profesorado que organizou e levou a cabo estas actividades.
    O alumnado que participou nos talleres seguro que gozou da experiencia.
    Un saúdo agarimoso de Camila

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus comentarios. Antes de escribir pensa o que queres dicir, coida o teu vocabulario e a ortografía.