Con motivo do Día do Libro, no noso centro vivimos unha xornada moi especial chea de aprendizaxe, convivencia e amor pola lectura.
Comezamos cunha interesante actividade organizada polos voluntarios da biblioteca, que nos guiaron nun percorrido pola evolución da escritura ao longo da historia. A través dunha presentación apoiada no PDI do centro, descubrimos como xurdiron as primeiras formas de escritura, os materiais empregados en distintas épocas e como foron evolucionando os libros ata chegar aos formatos actuais. Foi unha actividade moi enriquecedora que espertou a curiosidade do alumnado e nos axudou a valorar a importancia da palabra escrita como ferramenta de comunicación e coñecemento.
Ademais, celebramos unha das actividades máis entrañables da semana: o apadriñamento lector. Nesta experiencia, o alumnado dos cursos inferiores compartiu lecturas cos maiores, creando momentos de encontro, aprendizaxe e gozo arredor dos libros. Os padriños e madriñas lectoras acompañaron, leron e animaron aos seus compañeiros e compañeiras, fortalecendo os lazos entre niveis e fomentando o gusto pola lectura dun xeito próximo e motivador.
Foi unha xornada para lembrar, na que comprobamos que os libros non só nos ensinan, senón que tamén nos unen.
Seguimos medrando como comunidade lectora!

Comentarios
Publicar un comentario
Deixa aquí os teus comentarios. Antes de escribir pensa o que queres dicir, coida o teu vocabulario e a ortografía.