ROSALÍA DE CASTRO 2022

"Eu son libre. 

Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, 

e eles son a lei que rexe o meu destino"

O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis sinaladas do calendario cultural galego e, por primeira vez, o curso escolar 2021/2022 inclúe a celebración desta efeméride na súa programación. Unha data que ata o de agora, e ante o descoñecemento do día exacto do nacemento da poeta, se celebraba o 24 de febreiro, día en que recibiu o bautismo.

Logo deste acordo, que traslada a celebración ao día 23, convídase á sociedade a renderlle homenaxe a Rosalía no seu día e en todos os demais lendo e poñendo en valor a súa obra.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) propón desde 2010 á cidadanía que agasalle cun libro en galego e unha flor ás amizades e persoas queridas, por iso, dende a Biblioteca Escolar do CEIP de Atín-Cela, poñemos en marcha esta semana uns talleres para aprender a facer flores de origami, coas que agasallaremos aos nosos seres queridos, ademais de facer unha exposición cunha escolma de libros en lingua galega, co fin de promover o seu empréstito entre o alumnado.

Pódense coñecer todos os detalles dos obradoiros levados a cabo, premendo na imaxe.

O alumnado do primeiro ciclo realizou unha motivante actividade que baixo o título "O misterio de Rosalía" consistía en resolver por grupos diferentes retos coa finalidade de que investigasen e aprendesen sobre a vida e obra de Rosalía de Castro. Premendo na imaxe accédese a un vídeo explicativo sobre a actividade.

Tamén realizamos un programa de radio de homenaxe no que participaron todos os grupos de Educación Infantil e Primaria.


Dende a aula de música lémbrannos que durante estes días escoitamos a poesía de Rosalía ao entrar e saír do noso colexio a través da radio escolar.

Podedes acceder á entrada "Parabéns, benquerida Rosalía" premendo na imaxe.

Na seguinte presentación poderás atopar información sobre a autora, coñecer a súa biografía, algúns dos seus poemas musicalizados, xogos e o programa de radio que gravou o alumnado do CEIP de Atín-Cela para conmemorar unha data tan especial.

Cabe destacar que esta recompilación de recursos forma parte do Portal da Lingua Galega da Xunta de Galicia, dentro da "Compilación de recurso de Rosalía de Castro" que menciona esta presentación como:

"Entre esta compilación de actividades e recursos variados para conmemorar o Día de Rosalía que reuniu o CEIP Atín-Cela podemos atopar desde manualidades ata poemas musicados por diferentes artistas. Destacaremos especialmente o traballo radiofónico do propio alumnado, que explica a súa biografía e recita e canta as súas letras"

Pica na imaxe e aventúrate a entrar no universo de Rosalía de Castro, unha muller que é, como ben di Ledicia Costas no seu Manifesto polo Día de Rosalía:

"Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda"


Comentarios